Friday 17 de May de 2024

Vencedores das catro provincias galegas nos sete concursos das razas autóctonas en perigo de extinción celebrados na feira Abanca Semana Verde


O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DESTAS RAZAS NO CERTAME TAMÉN INCLÚE, ENTRE OUTRAS, EXPOSICIÓNS COMERCIAIS, A PRESENTACIÓN DO SELO 100% AUTÓCTONA DAS RAZAS BOVINAS E UN RESTAURANTE

Os concursos morfolóxicos das razas autóctonas galegas en perigo de extinción, fallados esta mañá no marco da 39ª Abanca Semana Verde de Galicia, tiveron como gañadores a tres exemplares coruñeses, dous ourensáns, un lucense e un pontevedrés. Organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Avicultores de Raza Galiña de Mos (Avimós), centráronse en catro razas bovinas e a Galiña de Mos.

No Concurso Morfolóxico da Raza Limiá, que celebraba a súa segunda edición, a vencedora foi a vaca Rubia, de Sonia Tajes, de Rois (A Coruña), mentres que o segundo e o terceiro acadáronnos respectivamente as vacas ourensás Lorena e Loiola, ambas propiedade de Lisardo López, de Xinzo de Limia.

Respecto á raza Caldelá, na terceira edición do seu concurso a gañadora foi Celosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense). O segundo posto acadouno Lixeira, do mesmo propietario que a vencedora, sendo o terceiro para Cebada, de Ana y Alejandro SC, de A Pontenova (Lugo).

En canto ao IV Concurso Morfolóxico da Vianesa, o primeiro posto foi para Tapa, de Ganadería Cimadevila SC, de Montedorramo (Ourense), mentres que co segundo e o terceiro fixéronse Tina e Laca, ambas de Ganado de Lemos, de O Saviñao (Lugo).

No V Concurso Morfolóxico da Cachena, a gañadora foi Seta, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña). O resto do podio foi para exemplares lucenses, acadando o segundo premio Cachorra, de Cachenas de San Breixo, de Triacastela (Lugo) e o terceiro para Carriza, propiedade de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo).

Nestes concursos morfolóxicos centrados en catro das razas autóctonas bovinas en perigo de extinción participaron un total de 60 exemplares de criadores de distintos puntos de Galicia.

Galiña de Mos

En canto ao III Campionato Galego da Galiña de Mos, organizado por Avimós, na sección de concurso morfolóxico individual gañou un galo pertencente a Javier Riqueza, de Pontevedra, sendo o segundo posto para un exemplar de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e o terceiro para un de Cruz Lucía Grille, de Tordoia (A Coruña). En galiñas a vencedora foi un animal propiedade de Javier Álvarez, de Becerreá (Lugo), o segundo premio acadouno un de Augusto Fontám, de Pontevedra, e o terceiro un de José Luis Freire, de Pol (Lugo),

Na sección por lotes o primeiro posto foi para un de Mariña Grille, de Valdo Dubra (A Coruña); o segundo para un pertencente a Javier Álvarez, e o terceiro para un de Alejandro Collazao.

Nestas seccións competiron un total 25 criadores e 160 exemplares de distintos concellos de Galicia.

Cabalo de Pura Raza Galega o sábado

Por outra banda, o sábado tamén terá lugar, de man da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), o concurso morfolóxico oficial desta raza.

Tamén coas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción como protagonistas a feira acolle diversas exposicións comerciais,a presentación esta tarde do selo 100% Raza Autóctona das razas bovinas e un restaurante no salón de alimentación Salimat Abanca. Ademais, a cargo da Asociación Pura Raza Cabalo Galego levarase a cabo o domingo unha presentación en pista e unha exhibición de doma.